Os petróglifos da Rega Pequena están localizados na parroquia de Santa Eulalia de Meira. Son dous exemplos dun conxunto máis amplo de estacións rupestres na contorna e localizados en cadansúa rocha de granito, separadas por uns centímetros, e que apenas levantan do chan.

Os motivos representados son xeométrico-abstractos e semellantes estilisticamente ao da Rega Pequena I. Por unha banda na Rega Pequena II, facilmente identificable polas pegadas das cuñas de cantería e onde os motivos cobren practicamente toda a rocha, temos representados unha complexa combinación de círculos concéntricos, semicírculos, coviñas e algúns motivos vagamente cuadrangulares unidos por unha maraña de sinuosas liñas. Un dos maiores inimigos dos petróglifos alén dos incendios forestais son os traballos de cantería que en moitos casos destrúen as estacións. Outras veces son indultados no último momento pero deixando, como se observa neste caso, as marcas das cuñas.

Por outra banda o motivo representado na Rega Pequena III é máis sinxelo e menos elaborado, tres círculos concéntricos con coviñas centrais unidos por dúas liñas formando un triángulo aberto.