Os petróglifos de Chan de Grixó están localizados en Viduído, na parroquia de San Pedro de Domaio, nunha gran rocha chá que segue a inclinación natural do terreo. Aínda que se observan coviñas podemos dicir que os motivos representados son monotemáticos: unha gran sorte de cruces de todas as formas e tamaños, desde cruces latinas, con ou sen peaña, ata cruces gregas e cruces dobres. Ao longo da arte rupestre galega temos documentada a presenza de cruces pero sempre asociadas a petróglifos prehistóricos, o que indicaría a cristianización duns motivos identificados como pagáns. Atendendo a esta particularidade todo indica que estas cruces marcarían a delimitación dun terreo ou a cristianización dun lugar por motivos descoñecidos.

Á hora de realizar os petróglifos conviven dúas técnicas. Unha, a máis habitual en época prehistórica, é debuxar pacientemente o motivo fregando cunha pedra abrasiva aínda que tamén podería picarse coa axuda dun instrumento metálico e despois puír a fenda. Esta técnica é facilmente identificable porque as fendas transversalmente teñen forma de U. A outra técnica, máis habitual en tempos históricos, consiste no simple picado sen puír despois a rocha, apreciable coas fendas en V.