Os petróglifos de Pozo Garrido están situados na parroquia de Santa María de Meira, nunha alongada rocha a rente do chan preto do pozo de auga que lle dá nome. Neles observamos a representación figurativo-simbólica de tres animais que pola súa forma podemos identificar con ovicápridos ou bovinos así como numerosas coviñas, soltas ou enlazadas por unha serie de trazos, e cruces.

Os gravados de animais son os máis habituais dentro da arte rupestre galega despois de coviñas e  combinacións circulares, especialmente cabalos e cervos, e podería ter algunha connotación relixiosa ou supersticiosa como a procura de boa sorte na caza. A representación animal pode ser estática ou dinámica, buscando un maior naturalismo, destacando nalgúns gravados as escenas de caza ou monta por parte do ser humano. A pesar da gran abundancia de figuras animais en Galicia, Pozo Garrido é un dos contados exemplos onde estes aparecen representados na Península do Morrazo.