Os petróglifos da Torre de Meira están localizados na parroquia de Santa Eulalia de Meira, nunha gran rocha plana que inclina cara o sur seguindo a pendente natural do terreo. Dentro dos seus motivos destacan os cruciformes, de tipoloxía variada, desde as cruces simples situadas sobre unha peaña, ata cruces de Caravaca ou de dobre travesa.
Tamén aparecen representados catro custodias litúrxicas, pezas onde se coloca a hostia despois de ser consagrada para a adoración dos fieis, facilmente identificables polo sol e raios solares na parte superior. A súa cronoloxía é medieval e probablemente están asociados á Torre de Meira situada na contorna, a 140 m de altitude. Esta atalaia de vixilancia do século XV pertencía ás casas nobiliarias de Meira e Valadares e actualmente conservamos os seus alicerces xunto ao patio de armas, muralla e foxo.