O sartego antropomorfo de San Martiño, situado en Abelendo na parroquia de San Martiño de Moaña, é exemplo dunha das modalidades de enterramento máis habituais durante a Idade Media, implantada coa chegada do cristianismo a Galicia entre os séculos III e IV d.C. Nese momento prohíbese o costume de incinerar os mortos para dar paso a sepulturas en forma de caixas de pedra dunha soa peza por ser o material máis duro e seguro coñecido, tapadas cunha pesada laxe plana. A diferenza das grandes necrópoles escavadas na rocha, aquí temos un sartego exento, fabricado mediante o baleirado dun bloque de pedra seguindo o contorno simplificado dun corpo humano. Non presenta ornamentacións nin inscricións de ningún tipo xa que estaba destinado a ser soterrado.

En tempos o ser humano aproveitou os sartegos para utilizalos como salgadoiros para a carne da matanza aínda que nalgúns casos, como vemos aquí, foron aproveitados para a construción dunha pía de lavado.

No ano 2005, no transcurso dunhas obras para reafirmar o muro de pedra do antigo cemiterio da igrexa de San Martiño, descubríronse dous sartegos datados nos séculos XII-XIV xunto a restos de época romana, o que indicaría que estamos ante un xacemento de posible orixe altomedieval, época apenas documentada na historia de Galicia.