A mámoa de Chan da Arquiña está situada a 548 m de altura, ao pé dos montes Xaxán e Monte Faro de Domaio, o teito da península do Morrazo, nun souto que serve como área recreativa. É un túmulo funerario levantado hai cinco mil anos durante o megalitismo que tamén puido servir como marca territorial na reclamación dun territorio por parte dos seus antigos poboadores. Totalmente cuberta de terra e pedras na súa orixe, hoxe en día está parcialmente soterrada e en bo estado de conservación apreciándose os restos da súa coiraza. Presenta un diámetro de 21 m e unha tipoloxía típica: cámara poligonal formada por once ortóstatos, pedras verticais de gran tamaño cubertas por unha tampa e un pequeno corredor orientado ao leste de apenas 1,70 m, composto por cinco pedras cubertas por catro laxes.

Foi escavada no ano 1953 por Ramón Sobrino Lourenzo-Ruza recuperándose restos do enxoval funerario composto por restos cerámicos campaniformes e ferramentas de pedra como machados, coitelos e puntas de frecha de seixo. No seu interior apareceron restos de ocre, o que podería significar que houbo pinturas.